Queixumes indios, de Petra-Jesús Blanco
CADRO I
No escenario, aparece o PRESIDENTE dos Estados Unidos. Nunha beira ondea a bandeira e na súa mesa, o presidente traballa. Ao seu carón, noutra mesa, un XENERAL.
XENERAL.- Sr. Presidente: os nosos soldados están dando un exemplo de coraxe e bravura. Nada os detén para conquerir terras aos indios salvaxes.
PRESIDENTE: Moi ben, pero a nosa idea non é a de tirarlles pola forza as súas terras aos indios, senón «civilizalos» e transmitirlles a cultura e mais a relixión «verdadeira».
XENERAL- Os indios, que levan séculos coas súas falsas crenzas, non están dispostos a aceptar a nosa sabedoría.
(Chaman á porta)
PRESIDENTE.- Adiante.
SECRETARIO.- (Entrando e saudando.) Señor Presidente: o Director Xeral da Compañía do Ferrocarril desexa falarlle.
PRESIDENTE.- Ben. Faino pasar.
DIRECTOR.- (Moi inquedo, tirando o chapeu.) Señor Presidente…
PRESIDENTE.- ¡Señor Director Xeneral…!
DIRECTOR.- … Señor Presidente…
PRESIDENTE.- Pode sentar. Acougue. Está vostede moi excitado.
DIRECTOR.- Non hei de estalo? Co seu permiso. (Séntase.) Unha tribo de indios salvaxes asaltou o tren e matou a todos os viaxeiros.
PRESIDENTE.- Outra vez?
XENERAL.-¡Non é posible!
DIRECTOR.- Outra vez. Foi posible.
XENERAL.- Pero non estaba no seu posto o Capitán Smith co seu rexemento?
DIRECTOR.- Estaba. Todos morreron: desde o capitán ata o último soldado. Morreron como heroes.
PRESIDENTE.- É o terceiro asalto neste mes. Así non podemos continuar. Haberá que suprimir o ferrocarril.
DIRECTOR.- Pero que di, señor Presidente? O ferrocarril é a base da nosa economía, do noso futuro. Como, se non, imos enlazar o Leste e o Oeste dos Estados Unidos? Por onde se vai transportar a riqueza da costa do Pacífico ás cidades do Atlántico?
PRESIDENTE.- (Sorrindo.) … Polo ar, se cadra.
DIRECTOR.- Non perde vostede o bo humor, señor Presidente. Non sería mala cousa iso de encher o ceo de globos que voasen tan alto que non os alcanzasen as frechas dos indios.
XENERAL.- … E dende onde os soldados puidesen dar no albo sen arriscar a súa vida.
DIRECTOR.- Non se trata de matar nin de morrer, Presidente. Os comerciantes gañamos, desde a antigüidade, todas as nosas batallas sen derramar unha soa pinga de sangue. É cuestión de estratexia.
PRESIDENTE.- Cal é a vosa estratexia?
DIRECTOR.- Comprar o inimigo.
PRESIDENTE.- Comprar os indios?… Con diñeiro? Eles non valoran o diñeiro.
DIRECTOR.- Pero valoran a terra e o ar… Ten por aí un mapa?
XENERAL.- Si, aquí, encol da mesa.
DIRECTOR.- Vexamos. (Os tres achéganse á mesa e o xeneral desprega un mapa que ten alí dobrado.) A ver se me oriento…
PRESIDENTE.- Aquí estamos. Isto é Washington. Por aquí chegamos construíndo o ferrocarril.
DIRECTOR.- Exactamente neste punto ocorreu o desastre do outro día.
XENERAL.- É o territorio dos suquamish. Son moi salvaxes.
DIRECTOR.- Moi valentes, quererá vostede dicir. Non facían máis que defender o seu territorio.
XENERAL.- Están acurralados. Eles sábeno.
DIRECTOR.- Efectivamente. Xa matou bastantes suquamish o exército. (Ao Presidente) A vostede non lle interesa matalos. Non quererá pasar á Historia como o Presidente que eliminou definitivamente os indios.
XENERAL.- O exército mata en defensa dos colonos…
DIRECTOR.- … que edifican os seus ranchos en territorio indio.
PRESIDENTE.- Ten vostede algunha solución?
PRESIDENTE.- Aquí estamos. Isto é Washington. Por aquí chegamos construíndo o ferrocarril.
DIRECTOR.- Exactamente neste punto ocorreu o desastre do outro día.
XENERAL.- É o territorio dos suquamish. Son moi salvaxes.
DIRECTOR.- Moi valentes, quererá vostede dicir. Non facían máis que defender o seu territorio.
XENERAL.- Están acurralados. Eles sábeno.
DIRECTOR.- Efectivamente. Xa matou bastantes suquamish o exército. (Ao Presidente) A vostede non lle interesa matalos. Non quererá pasar á Historia como o Presidente que eliminou definitivamente os indios.
XENERAL.- O exército mata en defensa dos colonos…
DIRECTOR.- … que edifican os seus ranchos en territorio indio.
PRESIDENTE.- Ten vostede algunha solución?
DIRECTOR.- Si. (Perante o mapa.) Un pouco ao norte do territorio suquamish atópase un val vizoso, maior aínda ca o seu. Poderiámoslles edificar poboados e levarlles a nosa cultura. Co diñeiro que lles désemos polas súas terras poderían organizar a súa vida civilizadamente.
XENERAL.- Non lles interesa a nosa civilización.
PRESIDENTE.- Xeneral: deberiamos transmitirlla. Os indios aprenderían de nós o valor do estudo, da relixión, e, sobre todo, do traballo que xera riqueza.
XENERAL.- Os indios non saben o que é o diñeiro nin o que é o traballo. Non lles interesa.
DIRECTOR.- Soberano. Cando teñan entre as súas mans douradas moedas de ouro e saiban que con ese diñeiro poderán ser donos de todos os bens deste mundo, cambiarán de opinión.
PRESIDENTE.- Non estou certo.
DIRECTOR.- ¡Ai!, señor Presidente… A especie humana é a única que é quen de enganar, traizoar… e ata de matar por posuír riquezas. Os indios, aínda que salvaxes, tamén son humanos.
PRESIDENTE.- Non me parece mala idea. Consultarei cos meus asesores.
(Ponse de pé e despide o DIRECTOR XERAL.)
CADRO II
(No momento de baixar o pano ao terminar o cadro primeiro, e descansando uns minutos, comeza a soar unha melodía completamente distinta á anterior: é a música autóctona dos indios. Se non foi posible a aprendizaxe por parte dos alumnos do acompañamiento, utilizaremos o play back.
Ao abrirse o pano atopámonos cun escenario no que é protagonista a Natureza. Ademais de árbores e mesta vegetación, escoitarase o canto das aves. No medio dun claro do bosque, sentados ritualmente, o Gran Xefe NOAH SEATTLE, o indio máis ANCIÁN e a FEITICEIRA da tribo, fuman longas cachimbas mentres debaten os serios problemas que incumben ao seu pobo. Todos eles están vestidos con traxes de cerimonia, adornados con colares de óso e tocados con plumas multicolores, que chegan ata o chan. Todos peitean longas trenzas negras. Falan devagar e con repouso, dándolle transcendencia a cada unha das súas frases. Saben que sobre eles recae a responsabilidade do benestar dos suquamish).
FEITICEIRA.- O home branco acósanos por todas partes.
XEFE NOAH SEATTLE.- Queren cruzar o noso territorio con vías de ferro para que pase sobre elas a gran serpe fumegante que chaman ferrocarril.
ANCIÁN.- O ferrocarril asusta os cervos e mata os búfalos.
XEFE.- Por iso os nosos guerreiros impiden ao Home Branco que avance o seu camiño de ferro.
FEITICEIRA.- Aínda que os guerreiros suquamish son valentes e avezados, os homes brancos son máis poderosos.
ANCIÁN.- Teñen armas de lume e poden destruír unha aldea en poucos minutos.
XEFE.- Nós só posuímos frechas…
ANCIÁN.- … que antes soamente utilizabamos para cazar e agora necesitamos para defendernos.
FEITICEIRA.- A nosa tribo non ama a guerra.
XEFE.- A guerra só produce morte e destrución.
(Música. Os tres personaxes detéñense a meditar na súa conversa cando se oen os tambores da tribo enviando unha mensaxe.)
XEFE.- Escoitade: os tambores anuncian que temos visitantes.
(Escoitan, de novo, os tres, con gran interese.)
FEITICEIRA.- Xa chega o mensaxeiro.
MENSAXEIRO.- O Presidente das Facianas Pálidas, que está en Washington, envíavos unha carta. (Entrégalle a carta ao XEFE.)
XEFE.- Quen a trouxo?
MENSAXEIRO.- Unha comisión de soldados, ao mando dun Capitán.
ANCIÁN.- Onde quedaron?
MENSAXEIRO.- Na entrada do poboado.
(O XEFE le a carta sen que os xestos da súa cara indiquen ningún sentimento. Música.)
XEFE.- O Presidente do Home Branco, que está en Washington, di que quere comprar a nosa terra.
FEITICEIRA e ANCIÁN.- Que quere comprar a nosa terra!
XEFE.- Envíanos igualmente palabras de boa vontade.
FEITICEIRA.- É moi xentil pola súa banda.
ANCIÁN.- Nós sabemos perfectamente que el non ten case necesidade da nosa amizade.
FEITICEIRA.- El é poderoso e sabe que nos pode destruír.
XEFE.- Iso non impide que nós examinemos o seu ofrecemento. Porque sabemos que, se non accedemos a venderlle o que quere, o Home Branco pode vir cos seus fusís e tomar as nosas terras pola forza.
(Ao MENSAXEIRO.) Preparade unha tenda para o mensaxeiro do Home Branco que esta vez prefire parlamentar a matar.
Manda tocar os tambores para que se reúna todo o pobo.
(Sae o MENSAXEIRO. Os NOTABLES quédanse meditando. Música.)
O Consello do Pobo
Tocan tambores e van chegando todos os indios e indias da tribo. Os homes colocaranse nunha beira, ao fondo do escenario; as mulleres (algunhas levarán os seus fillos ás costas) na outra e tamén ao fondo. En primeiro plano os músicos, nunha banda, deixando a outra para os SOLDADOS brancos. No centro da escena, con gran cerimonia, os NOTABLES da tribo. A escena aparenta un corro aberto polo centro.
A tribo enteira vai facer a súa entrada no escenario bailando ao ritmo dunha pegadiza melodía. (Existen magníficas bandas sonoras de películas de indios -«Bailando con Lobos», por exemplo- cun acompañamiento rítmico de tambores que pode ser o que aprendan a tocar os alumnos.)
Logo de dar un par de voltas ao ritmo da música, os habitantes da tribo síntanse no escenario con gran solemnidade. O XEFE érguese.
XEFE.- O Gran Xefe de Washington envíanos unha carta para dicirnos que quere mercar a nosa terra.
-Como se pode mercar ou vender o firmamento, nin aínda a calor da Terra? Se nós non somos donos do frescor do ar nin do escintileo das augas, como nolo poden eles mercar? Cada anaco desta terra é sagrado para o noso pobo: cada folla de piñeiro, cada gran de area nas praias, cada pinga de orballo nas escuras fragas, cada outeiro e ata o son de cada insecto é sagrado na memoria e no pasado da nosa xente. A savia que circula polas veas das árbores leva consigo as memorias dos peles vermellas.
(Un grupo destácase dos demais e, danzando, dá unha volta ao redor.)
A Terra
ANCIÁN.- Os mortos do home branco esquecen o seu país de orixe cando emprenden os seus paseos entre as estrelas; en troques, os nosos mortos nunca poden esquecer esta bondadosa terra, xa que é a nai dos peles vermellas. Nós somos parte da terra e a terra é parte de nós.
FEITICEIRA: As flores recendentes son as nosas irmás; o cervo, o cabalo, a grande aguia; estes son os nosos irmáns.
POBO.- Os montes esgrevios, os húmidos lameiros, a calor do corpo do cabalo e mais o ser humano, todos pertencemos á mesma familia.
(Música. Danza. Acabada a danza, fala o XEFE.)
XEFE.- Facede vir aos mensaxeiros do Home Branco.
(Saen un par de indios e regresan coa expedición de parlamentarios.)
Quen é o voso xefe?
CAPITÁN.- Eu, o Capitán White.
XEFE.- Capitán: o meu pobo estivo considerando a vosa pretensión e pensa que, cando o gran Xefe que está en Washington nos di que quere comprar a nosa terra, pide demasiado.
CAPITÁN.- O Presidente divos que vos reservará un lugar onde vós poderedes vivir confortablemente entre os nosos. El será o voso pai e vós seredes os seus fillos.
XEFE.- Sendo así, nós examinaremos o voso ofrecemento de mercar a nosa terra. Pero non será doado porque ela é sagrada para nós. Sentádevos mentres nós deliberamos.
(O CAPITÁN e os SOLDADOS séntanse no extremo libre do escenario. O POBO danza ao redor dos NOTABLES, que deliberan.)
A auga
FEITICEIRA.- A auga limpa que corre nos ríos e regatos, non é soamente auga, senón que tamén representa o sangue dos nosos devanceiros. Se lles vendemos a terra, deben lembrar que é sagrada e que cada reflexo fantasmagórico na auga cristalina dos lagos conta os sucesos e memorias das vidas das nosas xentes.
O XEFE.- (Aos SOLDADOS.) : O murmurio da auga é a voz do pai de meu pai; os ríos son os nosos irmáns e apagan nosa sede; son portadores das nosas canoas e alimentan os nosos fillos. Se lles vendemos as nosas terras, vostedes deben lembrar e ensinarlles aos seus fillos que os ríos son os nosos irmáns e tamén o son seus, e polo tanto, deben tratalos coa mesma dozura coa que se trata un irmán.
ANCIÁN. Sabemos que o home branco non comprende o noso xeito de vivir. El non sabe distinguir entre un anaco de terra e outro, xa que é un estraño que chega de noite e toma da terra o que precisa. Trata a súa nai, a terra, e ao seu irmán, o firmamento, como obxectos que se mercan, se explotan e se venden como ovellas ou contas de cores. O seu apetito devorá a terra deixando atrás só un deserto. Non sei, pero o noso xeito de vida é diferente ao de vostedes. Ver as súas cidades apena os ollos do pel vermella. Mais quizais sexa porque o pel vermella é un salvaxe e non comprende ren.
CAPITÁN.- O home de faciana pálida tamén ama a auga, e sente o seu aloumiño cando cae nos campos ermos durante a Primavera. Construímos muíños para aproveitar a súa forza, diques para evitar as inundacións, canles para regar as nosas colleitas e pontes de pedra sólida para comunicarnos coas persoas que viven alén do río. Nós ensinariámosvos a domesticar a auga.
XEFE.- Non existe un lugar tranquilo nas cidades do home branco, nin hai sitio onde escoitar como se abren as follas das árbores na primavera ou como alean os insectos. O barullo só parece insultar os nosos oídos. E, despois de todo, para que serve a vida se o home non pode escoitar os diálogos das ras á beira dun estanque. Son un pel vermella e nada entendo. Nós queremos mellor o suave fungar do vento sobre a superficie dunha lagoa, así coma o recendo dese mesmo vento purificado pola choiva do mediodía. O ar ten un valor inestimable para o pel vermella, xa que todos os seres comparten un memo alento: a besta, a árbore, o home, todos respiramos o mesmo ar. O home branco non parece consciente do ar que respira
CAPITÁN.- O home branco ensinaravos a utilizar o vento para moer o trigo, para inchar as velas dos barcos que atravesan o mar e para tocar belas melodías.
FEITICEIRA.- Se nós vendemos a nosa terra, deberedes lembrar que o ar nos é inestimable, que comparte a súa alma coa vida que sostén. Se lles vendemos a nosa terra, vostedes deben conservala como cousa á parte e sagrada, como un lugar onde ata o home branco poida saborear o vento recendente polas flores dos campos.
Os animais
ANCIÁN.- Se decidimos aceptar, eu poría unha condición: o home branco debe tratar os animais, de agora en diante, coma aos seus irmáns. Eu son un salvaxe e non comprendo outra lei. Vin miles de búfalos apodrecendo sobre as pradeiras, mortos a tiros polo home braco dende un tren en marcha. abandonados alí polo home branco, que os abateu co fusil pola fiestra dun tren en marcha. Eu son un salvaxe e non comprendo como o cabalo de ferro fumegante pode importar máis ca o búfalo, que nós só matamos para sobrevivir.
FEITICEIRA.- Que sería do home sen os animais? Se todos fosen exterminados, o home tamén había morrer dunha gran soidade espiritual, porque o que acontece aos animais tamén acontecerá ao home. Todo vai enlazado.
(Os queixumes que se expresan a continuación emitiranos diferentes actores, cada un nun ton inferior.)
-Onde está o bosque?
-Onde está o bosque?
-Onde está o bosque? (Como un eco.)
POBO.- ¡Desaparecido!
-Onde a aguia?
-Onde a aguia?
-Onde a aguia? (Como un eco.)
POBO.- ¡Marchou!
XEFE.- (Ao CAPITÁN.) Cómpre que lles ensinen aos seus fillos que o chan pisan son as cinzas dos nosos avós. Ensinen aos seus fillos que nós ensinamos os nosos que a terra é a nosa nai. Todo o que lle ocorra á terra, ocorrerálles aos fillos da terra. Se os homes cospen no chan, cóspense a si mesmos.
ANCIÁN. -Isto sabemos: a terra non pertence ao home; o home pertence á terra. Isto sabemos: todo vai enlazado, coma o sangue que une a unha familia. Todas as cousas da natureza están relacionadas
CAPITÁN.- Non todos os homes brancos destrúen a natureza matando animais por pracer. Nós levamos centos de anos amando e coidando ao cabalo, que é o noso compañeiro de camiño.
SOLDADOS.- Porque o domesticamos, como domesticamos a pomba para que leve mensaxes, ou ao can para que coide os nosos rabaños. E preparamos as colmeas das abellas nos campos de flores, e as cortes dos años para que non morran de frío.
O home branco
(Adiántase un grupo e rodea aos SOLDADOS danzando)
FEITICEIRA.-O pel vermella non cesou de retroceder perante o home branco, como a brétema da montaña vai diante do sol da mañá.
POBO.- Pero será que o vemos así porque somos salvaxes e non o comprendemos?
CAPITÁN.- O home civilizado non debe preocuparse nas súas cidades do xeado vento do norte porque dorme ao abrigo dunha casa quente e acolledora.
SOLDADOS.- … nin debe buscar os rabaños de búfalos para comer porque nas súas granxas se crían animais cos que alimentarse, e nos seus campos cultiva trigo que transforma en pan tenro e branco.
CAPITÁN.- Se accededes á nosa petición, ensinarémosvos a cultivar a terra, e os vosos fillos acudirán á escola, onde aprenderán nos libros o coñecemento almacenado por todos os sabios que lles precederon.
ANCIÁN.- Ata agora, a natureza foi a mestra dos peles vermellas.
CAPITÁN.- Pero a natureza fixo reflexionar á humanidade de diferente xeito nos diferentes lugares e nos diferentes tempos. Esta reflexión acumulada chámase sabedoría.
SOLDADOS.- A Humanidade, na súa longa traxectoria, acumulou máis sabedoría que unha soa tribo.
De vós aprenderá a amar á Natureza.
A cachimba da paz
FEITICEIRA.- É certo: o home branco conseguiu cousas que nunca se nos ocorreron aos peles vermellas.
TODOS.- Cales?
FEITICEIRA.- O pel vermella ten que erguer as súas tendas e buscar outro bosque cando, no que vive, se rematou a comida, mentres que o home branco cultiva os campos e el mesmo produce os seus alimentos.
FEITICEIRA.- O pel vermella sente medo, aniñado na súa tenda, ao escoitar o ouveo do coiote famento, mentres que o home branco ten sólidas vivendas nas que non poden penetrar as feras.
CAPITÁN.- Estas vivendas e estes cultivos son os que vos ofrece o noso Xefe que está en Washington a cambio do bosque que habitades.
XEFE.- Pero nós non queremos perder a nosa identidade se aceptamos a vosa oferta.
CAPITÁN.- Non tedes que perdela: a convivencia entre pobos distintos non debe servir para que un anule ao outro senón para que ambos se arriquezan. O home branco aínda ten moito que aprender do pel vermella.
ANCIÁN.- A sabedoría non é patrimonio exclusivo dunha raza, senón de toda a humanidade.
CAPITÁN.- O home branco conserva en grandes bibliotecas toda a sabedoría que a humanidade foi acumulando ao longo da súa existencia.
XEFE.- De pouco lle serve se aínda non aprendeu a amar a Terra e a amar os seus semellantes.
CAPITÁN.- Por iso buscamos a vosa amizade: para volver ás nosas orixes. Convosco recuperaremos a inocencia perdida.
XEFE.- Daquela, sentádevos aquí connosco e fumemos xuntos a Cachimba da Paz.
(O grupo de SOLDADOS achégase ao corro e séntase alternado cos indios. O XEFE acende ceremoniosamente a cachimba e, antes de pasarlla ao CAPITÁN, érguese.)
XEFE.- Entón, se nós, os peles vermellas, vendemos a nosa terra ao home branco, só vos pedimos unha cousa: amádea…
TODOS.- … como nós a amamos…
FEITICEIRA.- … e coidádea…
TODOS.- … como nós a coidamos.
-Todas as tribos se necesitan.
-As tribos brancas.
-As tribos vermellas.
-As tribos de todas as cores…
TODOS.- … teñen que facer a paz.
ANCIÁN.- Ningunha tribo é máis antiga ca outra.
FEITICEIRA.- Nin máis sabia.
CAPITÁN.- Nin máis poderosa.
TODOS.- Todas as tribos da Terra forman a humanidade.
-Todas as tribos se necesitan.
-E deben unirse para salvar a Terra.
(Levántanse todos os actores, vermellos e brancos, entrelazan as súas mans e, a un tempo, din:)
TODOS.- PORQUE A TERRA NON PERTENCE AO HOME, PERO O HOME SI PERTENCE Á TERRA. (E, ceremoniosamente, mentres soa a música, os NOTABLES e o CAPITÁN fuman a CACHIMBA DA PAZ, mentres os SOLDADOS mesturados cos indios danzan ao redor ata que cae o PANO)